TEIMAS promove a trazabilidade e medición da pegada de carbono dos residuos nas multinacionais grazas ás novas funcionalidades da plataforma dixital Zero (Zero Spring Release 2023), nunha nova versión que permite a certificación da trazabilidade dos residuos con tecnoloxía blockchain e a medición da pegada de carbono.
Nota de prensa:
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2023.- TEIMAS Global, empresa tecnolóxica especializada en solucións de software para xestores e produtores de residuos, vén de lanzar unha nova versión de Zero, unha plataforma dixital para a xestión de residuos nas grandes corporacións.
Nos últimos anos, o modelo de economía circular converteuse nunha prioridade nas políticas comunitarias, plasmado nun amplo marco normativo ambiental que incide na trazabilidade dos residuos industriais e que se reflicte na procura de modelos produtivos máis sostibles. Neste contexto cobran importancia novas tecnoloxías como Zero, a plataforma en liña de TEIMAS que facilita a xestión intelixente de residuos nas grandes corporacións. O desenvolvemento desta ferramenta, posta en marcha en 2019, supuxo un paso lóxico na traxectoria de TEIMAS, tras 10 anos de experiencia na creación de software para a xestión documental de residuos.
A través de cadros de mando, permite a visualización de índices empresariais, coa posibilidade de impulsar un modelo produtivo baseado na economía circular, incorporando nas operacións os principios do movemento Residuo Cero e contribuíndo ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible na xestión do residuos xerados polas empresas durante o desenvolvemento da súa actividade.
Desde 2019 Zero está implantado en varias multinacionais de España en réxime de aluguer de servizos (Software as a Service ou SaaS), tecnoloxía que non require mantemento, hospedaxe ou xestión da seguridade. Entre os seus principais clientes atópanse diversos actores do ciclo de produción, transporte e xestión de residuos: dende a Administración Pública, pasando por pequenas e medianas empresas de xestión de residuos, ata a súa colaboración actual con grandes corporacións con presenza internacional. Destacan, entre outras, empresas líderes dos sectores enerxético (RED ELÉCTRICA DE ESPAÑA), infraestruturas, telecomunicacións (TELEFÓNICA), alimentación e bebidas (DAMM) e farmacéutico, así como petróleo e gas, química e téxtil.
Zero conta agora cunha nova funcionalidade para medir a pegada de carbono xerada durante o tratamento e transporte dos residuos. O resultado deste cálculo obtense a través dunha ampla gama de datos: tipo de residuos, tipo de tratamento, cantidade de residuos en kg -no primeiro caso (tratamento)- e distancia percorrida, cantidade de residuos (kg) e tipo de vehículo empregado -no segundo caso (transporte)-. O usuario pode analizar a evolución da pegada de carbono a través de informes e cadros de mando que poderá aplicar ao desenvolvemento de estratexias de sustentabilidade ambiental.
Por último, Zero incorpora agora unha funcionalidade que facilita a xestión económica dos créditos e cargos relacionados coa xestión de residuos, a análise do impacto económico dos envíos de residuos e a toma de decisións para reducir o devandito impacto.
Con esta nova versión do software Zero, TEIMAS avanza na estandarización da xestión de residuos nas empresas globais, axudándoas a controlar a súa produción de residuos, garantir a trazabilidade, promover estratexias de sustentabilidade e aforrar custos.