Unha análise dos datos de separación de residuos en orixe na comunidade galega conclúe que só o 15,3% dos residuos foron recollidos selectivamente en 2021.
Nota de prensa:
A separación dos residuos da competencia local (de vivendas, restaurantes, comercios...) segue a ser unha cuestión pendente en Galicia. Esta conclusión despréndese dun panel elaborado pola empresa tecnolóxica galega TEIMAS , especializada na dixitalización da xestión de residuos, a partir dos datos solicitados á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. E abonda con revisar os últimos datos dispoñibles, de 2021, onde só se recolleron selectivamente o 15,3% dos residuos.
Porén, a situación galega non é un caso único. Segundo o último informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre residuos, dos 20,7 millóns de toneladas recollidas polos concellos españois, o 79% corresponden á fracción de residuos mixtos, fronte ao 21% que se recolle de forma selectiva (papel-cartón, envases lixeiros e vidro).
A Lei 7/2022 de Residuos e Solos Contaminados para unha Economía Circular, en vigor desde xullo de 2022, establece obxectivos específicos de reutilización e reciclaxe que contemplan medidas como a separación en orixe dos residuos urbanos. Estes cambios facilitarán, como indica a propia Lei, “o incremento das taxas de preparación para a reutilización e reciclaxe e redundarán na consecución de importantes beneficios ambientais, económicos e sociais e na aceleración da transición cara a unha economía circular”.
Non obstante, os datos oficiais amosan que en Galicia a separación en orixe dos residuos urbanos, necesaria para facilitar a reciclaxe de alta calidade, aínda é baixa. Neste sentido, tal e como indicou Cristina Vázquez, socia de TEIMAS especializada en trazabilidade e traslado de residuos, “é necesario que as administracións tomen medidas, de forma coordinada, para reforzar a recollida selectiva e conseguir unha reciclaxe de maior calidade”.
Na comunidade galega existen 3 modelos de xestión de residuos domésticos , cada un realizado por 3 entidades de xestión (Sogama, Nostián e Barbanza). En conxunto, como mostra o panel elaborado por TEIMAS, a cantidade de residuos urbanos nestas plantas foi relativamente constante, mantendo en torno a un total de 1,1 millóns de toneladas anuais. E todo iso a pesar da diminución da poboación galega nese período nun 1,32%.
Por provincias, A Coruña é a que rexistra un maior volume de residuos, mesmo en relación aos residuos separados no período 2017-2021, seguida de Pontevedra, Lugo e Ourense.
Por concellos, no ranking de maior recollida de residuos por habitante no mesmo período destacan Rábade (684 toneladas), Sanxenxo (681 toneladas), San Cibrao das Viñas (568 toneladas), e Curtis (548 toneladas). Non obstante, non se corresponden co ranking de concellos de recollida selectiva de residuos, onde destacan Brión, Ames (ambos preto do 45%), Porto do Son (cerca do 37%) e Pontecesures (36%).
En conxunto, estas cifras reflicten un lixeiro incremento da recollida selectiva en Galicia do 13,5% en 2017 ao 15,3% en 2021, o que demostra que aínda queda moito camiño por percorrer desde as administracións e na sensibilización da sociedade.
A Lei de Residuos supón un reto para as Administracións e profesionais implicados na cadea de valor dos residuos (Administración Pública, empresas produtoras, operadores de plantas, recicladores,...).
No proceso de harmonización e mellora da trazabilidade é determinante o uso de tecnoloxías de dixitalización, capaces de mellorar a toma de decisións e a conexión cunha sociedade cada vez máis preocupada polo medio ambiente.
“Para optimizar a xestión dos residuos é necesario contar con datos correctos e completos que permitan conseguir cambios reais. Neste sentido, a dixitalización aporta solidez ás estratexias de economía circular. Ademais, neste proceso é necesario aplicar políticas de seguridade e xestión que garantan a integridade e inmutabilidade dos datos, algo que permiten tecnoloxías como blockchain e que xa estamos aplicando nas nosas plataformas dixitais. Este panel, desenvolvido mediante o software Zero , amosa a capacidade da tecnoloxía para visibilizar e unificar os datos, tamén na xestión de residuos”, explica Vázquez.