TEIMAS recibe a etiqueta Solar Impulse pola súa plataforma dixital para xestión intelixente de residuos TEIMAS recibe a etiqueta Solar Impulse pola súa plataforma dixital para xestión intelixente de residuos

TEIMAS recibe a etiqueta Solar Impulse pola súa plataforma dixital para xestión intelixente de residuos

29/01/2021

Esta plataforma dixital chámase ZERØ e foi desenvolta por TEIMAS, unha das poucas empresas tecnolóxicas, dentro e fóra de España, especializadas en software para xestión de residuos.

A etiqueta, concedida pola fundación Solar Impulse, recoñece ZERØ como unha solución tecnolóxica economicamente rendible, que contribúe á protección do medio ambiente.

Desta maneira, ZERØ entra a formar parte das 1000 solucións limpas e rendibles que serán presentadas por Bertrand Piccard, presidente de Solar Impulse, ante responsables políticos e empresariais.

A plataforma dixital ZERØ, desenvolta pola tecnolóxica galega TEIMAS, acaba de recibir a etiqueta Solar Impulse Efficient Solution. A Fundación Solar Impulse concede este recoñecemento unicamente aos produtos, servizos, tecnoloxías e procesos que cumpren cuns estándares verificados de rendibilidade económica e sustentabilidade ambiental, avaliados por expertos independentes.

ZERØ pasa así a formar parte das “1000 Solutions” que Bertrand Piccard, presidente da Fundación Solar Impulse, presentará ante diversos responsables da toma de decisións de empresas e gobernos. O obxectivo desta iniciativa é acelerar a transición cara a unha economía libre de carbono, de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU e permitir, ao mesmo tempo, un crecemento económico sostible.

Solar Impulse conta con 3.285 membros e varios colaboradores entre os que se atopan a Comisión Europea e a UNFCCC (Convención Marco de Nacións Unidas sobre o Cambio Climático). A súa etiqueta Solar Impulse Efficient Solution foi concedida ata o momento a un total de 849 membros en todo o mundo, dos cales 28 atópanse en España, 2 deles en Galicia. Un dato que pode consultarse en https://solarimpulse.com/alliance-network.

Sobre TEIMAS e ZERØ

TEIMAS é unha das poucas empresas tecnolóxicas, dentro e fóra de España, especializadas en software para xestión de residuos. Entre os seus clientes atópase a administración pública española, máis de 400 empresas centradas na xestión profesional de residuos e varias multinacionais de distintos sectores (téxtil, telecomunicacións, alimentación e enerxía).

En 2019 lanzou ZERØ, unha plataforma na nube que permite o cumprimento normativo da xestión de residuos en grandes corporacións e, a través da explotación de datos, facilita estratexias de sustentabilidade ambiental. Ademais, asegura a trazabilidade total dos refugallos xerados grazas ao uso de tecnoloxía blockchain. Con esta solución dixital, TEIMAS axuda ás empresas a cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sostible ( ODS) da ONU. En concreto, cos ODS 9 (“Industria, innovación e infraestrutura”) e 12 (“Produción e consumo responsables”), tal e como recoñece agora a etiqueta Solar Impulse.

En palabras de Miguel Varela, cofundador e CEO de TEIMAS, “as empresas están a buscar solucións para asegurar unha correcta xestión de residuos e impulsar as súas estratexias de economía circular. Con ZERØ respondemos de maneira eficiente a esta demanda, actuando como un partner tecnolóxico que acompaña ás empresas, a través da transformación dixital, no desenvolvemento de modelos produtivos sostibles”.