“Reciclar na escola ten premio” trátase dun conxunto de campañas do Concello de Santiago en colaboración con Teimas Desenvolvemento para a concienciación ambiental sobre a reciclaxe nos centros educativos composteláns.

O 24 de febreiro de 2016 Xan Duro, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia de Santiago de Compostela, daba por comezada unha segunda fase da iniciativa Tropa Verde, confirmando que a cidadanía compostelá aposta pola reciclaxe. Unha das liñas definidas esta vez, era o traballo nos colexios, a concienciación dos máis pequenos. E esa é a proposta de “Reciclar na escola ten premio”, novo conxunto de actividades desta revalidada proposta ecolóxica. 

Os resultados despois da primeira das campañas da Tropa Verde nos colexios son algo máis que un bo sinal, son un par de pasos adiante. Neste caso a proposta era a recollida de aceite usado para a súa posterior reciclaxe. Os rapaces de quince dos centros de primaria da capital galega lanzáronse a competir por ser a clase e o centro máis verdes da clasificación. Isto non só resultou en 2.356 litros recollidos ou en 2.356 millóns de litros de auga (ao redor de 1.500 bañeiras), salvados de ser contaminados, senón tamén na ilusión dos participantes por colaborar en prol dunha transformación ecolóxica e social.

A terceira parte implicada, xunto co Concello de Santiago, a importante colaboración da dirección de educación e os colexios participantes, é Teimas Desenvolvemento. A compañía, promotora do proxecto, é a encargada tanto do desenvolvemento da súa base tecnolóxica coma das actividades de dinamización a pé de escola. Sen embargo tamén é preciso resaltar o importante papel que en Tropa Verde, teñen as asociacións veciñais, Urbaser, os comercios locais... Desta vez, tamén os recolledores PMA Nutrigas e Compostela Inserta, encargados de proporcionar os contedores e de realizar a recollida dos mesmos.

Se ben na competición houbo un xusto gañador, o CEIP de Roxos, que ademais de contar coa clase coa mellor porcentaxe de recollida, alcanzou tamén o top da lista de colexios. Con 302 botellas recollidas e nada menos que 2,59 botellas por alumno. Participar é gañar, e máis cando se trata de aprender sobre a natureza. Máis de 2.000 alumnas e alumnos participaron neste concurso no que, ademais de reciclar de xeito práctico, descubriron o medio ambiente a nivel teórico, grazas aos talleres da Tropa Verde nas súas aulas.

Esta xa é a segunda fase de Tropa Verde, e tal como rematou a primeira parte de “Reciclar na escola ten premio”, tamén comezou a segunda campaña. Esta vez gracias á colaboración da Asociación Adén e do xestor de residuos autorizado Taxileón-Logiraees, o obxectivo dos pequenos recolledores, serán os aparatos electrónicos. As expectativas medran. Non se tardará en saber se o título aos mellores recolledores é revalidado ou se hai sorpresas. 

Sobre Tropa Verde

Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos, ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.

O proxecto púxose en marcha en maio de 2015. Neste tempo, preto de 2.000 cidadáns rexistráronse na plataforma, e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.

Santiago de Compostela. 30 de maio de 2016.