Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016- O 17 de maio de 2015 comezaba na capital galega a iniciativa Tropa Verde SCQ mediante a que os composteláns e compostelás que realizan accións a favor do medio ambiente reciben recompensas en forma de premios e descontos que aportan comercios e hostalaría de Santiago de Compostela. A resposta tanto por parte da cidadanía como dos establecementos patrocinadores é excelente e recompensáronse máis de 7.600 accións positivas ambientalmente.

Promovida por Teimas Desenvolvemento xunto co Concello de Santiago de Compostela e Urbaser, Tropa Verde quere involucrar coa reciclaxe tamén aos máis xóvenes. Para iso planificáronse dúas campañas específicas que se desenvolverán na recta final do curso escolar. Así o comunicaron en rolda de prensa o pasado febreiro o Concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, xunto co xerente de Teimas, Miguel Varela.

A primeira destas campañas púxose xa en marcha e consiste nun concurso no que poden participar os alumnos e alumnas de entre 3º e 6º de primaria así como os estudantes de 1º e 2º de ESO dos 41 centros de primaria e secundaria de Santiago de Compostela. Coa idea de concienciar sobre o prexudicial de verter na casa o aceite de cociña usado en lugar de depositalo en lugares habilitados para a súa correcta recollida, informarase aos rapaces e rapazas de cuestións en moitos fogares aínda descoñecidas como a de que un litro de aceite de cociña usado contamina 1.000 litros de auga ou a de que, pola contra, este residuo tratado correctamente permite producir biocombustible, xabóns, pinturas...

Os alumnos das aulas participantes recompilarán até o 18 de maio aceite de cociña usado en botellas de litro e medio de capacidade. Estas botellas serán recollidas en cada un dos centros participantes por un xestor de residuos autorizado. En xuño terá lugar o acto de entrega de premios onde todos os alumnos das aulas clasificadas no tres primeiros postos recibirán varios e atractivos agasallos.



Pór en marcha a Tropa Verde na túa comunidade ou concello é fácil: ponte en contacto connosco no correo electrónico info@tropaverde.gal ou no teléfono 981 523 226.


Sobre Teimas Desenvolvemento 

Teimas Desenvolvemento é unha empresa especializada no desenvolvemento de tecnoloxía para o sector da reciclaxe e a xestión de residuos. Entre os seus proxectos está o software de xestión integral para empresas xestoras de residuos Teixo, o portal Gestoresderesiduos.org, a plataforma GAIA de información ambiental da Xunta de Galicia ou o proxecto de concienciación cidadá Tropa Verde


Nota de prensa, Teimas, Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016