Con motivo do Día Mundial da Reciclaxe iniciábase en Santiago de Compostela unha campaña de concienciación ambiental cidadá que foi acollida con gran entusiasmo: Tropa Verde SCQ.

Sabemos que cando reciclamos estamos a axudar ao Medio Ambiente e contribuímos a mellorar a nosa calidade de vida pero máis dun pensaría aquilo de "deberían recompensarme polo esforzo que fago cada vez que separo residuos en casa, cada vez que me desprazo a un Punto Limpo para contribuír coa reciclaxe..."

Promovida pola empresa Teimas Desenvolvemento xunto co Concello de Santiago de Compostela e Urbaser, Tropa Verde SCQ incentiva a reciclaxe mediante recompensas directas aos cidadáns que se preocupan pola contorna. Cada vez que unha persoa acode aos puntos habilitados para reciclar (Puntos Limpos, Centros Socioculturais..) recibe un cheque con estrelas que pode trocar na web tropaverde.gal polas distintas recompensas coa que os establecementos patrocinadores composteláns contribúen a esta nova e eficaz forma de mellorar a calidade ambiental.

As recompensas que reciben os bos recicladores inclúense en oito categorías distintas: Hostalaría, Comercio, Cultura, Concello, Deporte, Saúde, Infantil e Estética. Entre elas atopamos desde cortes de cabelo gratuítos até descontos en tendas de moda, pasando por patrocinadores que regalan libros, artigos de cosmética, etc

Desde o 17 de maio de 2015 as cifras avalan o éxito da plataforma:
  • 4.500 accións ambientais positivas rexistradas.
  • 1.400 cidadáns de Santiago de Compostela son membros de Tropa Verde.
  • 115 establecementos de comercio e hostalaría local patrocinan a iniciativa.
  • 1.500 premios, recompensas e descontos por un valor de 12.000 €.
  • 22 centros emisores de cheques, entre os que se atopan puntos limpos fixos e móbiles, centros socioculturais e agrupacións veciñais.
  • Máis de 1.500 seguidores en Facebook e Twitter.
  • Ampla presenza en radio, prensa e televisión: TVG, La Voz de Galicia, Correo TV, Código Cero, Es Radio Galicia, Radio Voz, EL Correo Gallego, Radio Líder, etc.
A cidadanía de Compostela pode ademais consultar en www.tropaverde.gal dun modo sinxelo onde se atopan os puntos habilitados para recollida de residuos. Tamén nas redes sociais de Tropa Verde dáse información actualizada de, por exemplo, onde se sitúa cada sábado o Punto Limpo Móbil ou que tipo de residuos recollen en cada un dos centros socioculturais colaboradores.

Desde o arranque de Tropa Verde SCQ evidénciase un maior nivel de implicación dos composteláns e compostelás coa reciclaxe, aumentando cada día o volume de visitantes aos puntos de recollida de residuos. Para o próximo ano Tropa Verde estenderase a outros concellos do país. Pór en marcha a Tropa Verde na túa comunidade ou concello é fácil: ponte en contacto connosco no correo electrónico info@tropaverde.gal ou no teléfono 981 523 226.




Sobre Teimas Desenvolvemento 
Teimas Desenvolvemento é unha empresa especializada no desenvolvemento de tecnoloxía para o sector da reciclaxe e a xestión de residuos. Entre os seus proxectos está o software de xestión integral para empresas xestoras de residuos Teixo, o portal Gestoresderesiduos.org, a plataforma GAIA de información ambiental da Xunta de Galicia ou o proxecto de concienciación cidadá Tropa Verde.