Cerceda, 8 de outubro de 2015.- O Complexo Ambiental de Sogama acolleu na mañá de hoxe unha xornada técnica que, baixo o título, "Cara á optimización na xestión dos residuos municipais", promoveu o Laboratorio de Ideas sobre Residuos (LIR), un grupo de traballo formado por profesionais do sector que integra a representantes da compañía Applus, Teimas Desenvolvemento, o portal Residuos Profesional, e o Instituto Superior do Medio Ambiente (ISM), creado coa intención de clarificar e enriquecer a información relativa á xestión dos residuos e xerar un punto de encontro, información e debate de interese para o público interesado.

Este evento, focalizado nesta ocasión sobre a xestión sustentable dos residuos a nivel local, superou as previsións, alcanzando unha excelente acollida, contando coa asistencia de máis de 60 representantes de concellos, organismos e de empresas vinculadas á xestión de residuos.

Identificada como unha oportunidade para fomentar o encontro, a opinión aberta e participativa dos asistentes e a reflexión sobre a xestión sustentable dos residuos (un dos principais problemas ambientais aos que facer fronte), a xornada foi cualificada como de máximo interese ao abordar dúas temáticas que resultan esenciais a día de hoxe: a aprobación inminente do Plan Estatal Marco de Xestión de Residuos (PEMAR) 2015-2020 e a optimización da xestión de residuos a nivel municipal, tendo en conta os condicionantes técnicos, ambientais e económicos. 

Para profundizar en ambos aspectos, contouse coas contribucións de Santiago Cristín, avogado e consultor ambiental na firma "De la Cerda& Asociados", e de Benito Branco, xerente de proxectos de residuos no Grupo Applus+. As exposicións didácticas e eminentemente prácticas puxeron sobre a mesa a realidade municipal en canto á xestión de residuos, así como as oportunidades potenciais a contemplar para alcanzar unha situación máis sustentable e axustada aos requirimentos que se están impondo non só a nivel europeo, senón estatal coa aprobación do PEMAR.

O tempo para o debate foi enriquecedor, ao achegar os asistentes distintos puntos de vista sobre a problemática á que se enfrontan diariamente os concellos, confluíndo na necesidade de que é posible trazar novas liñas de acción, as cales deben pasar imprescindiblemente pola integración e participación cidadá, como primeiro elo da cadea.

A xornada concluíu cunha visita guiada polas instalacións que conforman o complexo de Sogama, comprobando a dinámica de tratamento dos residuos que a Sociedade recibe.


Nota de prensa LIR. Cerceda, 8 de outubro de 2015