Un estudo realizado pola Universidade Internacional de Valencia (VIU) mostra resultados positivos para España en canto ao uso das TIC nos centros de ensino.

O estudo "Equipamento e uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos centros europeos e latinoamericanos" analiza dez países: cinco europeos (Alemaña, España, Finlandia, Francia e Reino Unido) e cinco países de América Latina ( Arxentina, Brasil, Chile, Costa Rica e Uruguai).
Segundo este estudo, en Reino Unido e España existe maior número de ordenadores por alumno, empréganse as TIC con máis asiduidade e existen máis centros conectados a internet que no resto de países estudados.

A media, sempre no ámbito do estudo citado, se sitúa en Europa en 15 ordenadores por cada 100 alumnos en Primaria e 21 ordenadores en Secundaria, mentres que en España constan 32 ordenadores por cada 100 alumnos en Primaria e chégase a 31 ordenadores por centenar de alumnos de Secundaria. Por diante de España neste estudo só se encontra o caso de Reino Unido onde practicamente contan cun ordenador por alumno.

As cifras que reflicten porcentaxes de uso das TIC nos centros docentes, dinnos que un 52% dos alumnos españois de Secundaria empregan o ordenador semanalmente na aula. Ademais, dispoñer de máis equipamento non vai ligado a un maior uso das tecnoloxías como parecería lóxico supoñer.  De feito Finlandia, por citar un exemplo significativo, conta cun nivel de equipamento superior á media pero en canto ao uso figura á cola deste ranking.

En xeral, en Primaria, as TIC úsanse, no ámbito estudado, transversalmente, é dicir, empréganse como ferramenta ao servizo de todas as materias. En Secundaria, salvo Finlandia, todos os países europeos contemplados no estudo lle dan ás TIC unha presenza curricular independente do resto de materias académicas.

Este estudo, do cal o autor é Vicente Gabarda Méndez, Coordinador do Grao en Educación Primaria na Universidade Internacional de Valencia, centrouse na etapa de escolaridade obrigatoria que, na maior parte dos países, abrangue o que en España denominamos Educación Primaria e Educación Secundaria; concluíndo que as novas tecnoloxías favorecen, entre outras cuestións, a motivación do alumno, sendo máis que recomendable que as TIC formen parte do ámbito educativo.