Vía: SOGAMA
Nota de prensa 3 de febreiro de 2015

“Mellorando a xestión dos residuos, as empresas do sector tamén incrementarán a súa produtividade e rendemento"

•Así se pronunciou Miguel Varela, CEO da compañía galega Teimas Desenvolvemento, S.L, con motivo da súa participación na xornada sobre emprego verde que, promovida polo diario Economía Digital e Sogama, celebrouse en Vigo a finais do pasado mes de xaneiro.

•O cometido desta firma atópase focalizado cara ao desenvolvemento de software especializado no ámbito medioambiental, contando para isto cunha plataforma, Teixo, orientada a solventar boa parte dos problemas de tipo administrativo cos que se atopan as empresas especializadas en xestión de residuos.

•Así mesmo, contan cun portal de noticias no que se fan eco das novidades do sector, sendo o seu obxectivo que o ámbito dos refugallos deixe de ser a “Cenicienta” a nivel de información medioambiental.

•Non obstante, e malia todos os logros, Varela dou conta das “pedras” que se atoparon no camiño para posicionarse como “emprendedores verdes”, así como das leccións apresas: abandonar canto antes a “cova técnica”, resultando imprescindible viaxar e visitar, e involucrarse nas vendas.


Miguel Varela, CEO da empresa galega Teimas Desenvolvemento, S.L, compañía de base tecnolóxica no ámbito das TIC que desenvolve a súa actividade no sector do medio ambiente, participou o pasado 27 de xaneiro nunha xornada sobre emprego verde que o diario Economía Digital, co apoio de Sogama, levou a cabo en Vigo, na sede de Afundación.

Creada en 2009, o cometido de Teimas está focalizado cara ao desenvolvemento de software especializado no ámbito ambiental, contando cunha plataforma orientada a proporcionar servizos a empresas e organismos produtores, xestores e transportistas de residuos perigosos e non perigosos.

Varela falou da súa experiencia ao fronte desta entidade, precisando que, malia que os seus primeiros anos de operación coincidiu de cheo coa crise, hoxe en día atópase en proceso de expansión, intentando abrirse a outros mercados.

Neste sentido, e antes de entrar en materia, debuxou o escenario de partida, anunciando que, en España, hai máis de 200.000 entidades que producen residuos, 10.000 operadores loxísticos e 5.000 instalacións que desenvolven actividades de almacenamento, valorización e reciclaxe. Un campo, ao seu xuízo, moi interesante a nivel laboral e con grandes perspectivas, e iso porque o sector da xestión dos refugallos está moi presionado administrativamente, a trazabilidade é complexa e as obrigas normativas, moi estritas. “Xérase moita documentación nun mercado con escasa optimización de procesos e con baixa implantación das TIC”, enfatizou.

Está convencido de que “mellorando a xestión dos residuos, as empresas do sector incrementarán a súa produtividade e rendemento”. De aí que creasen o soporte “Teixo”, unha ferramenta sinxela e asequible coa que se elimina en boa parte os problemas de tipo administrativo.

Na actualidade, 140 centros fan uso da mesma, polo que se viron na necesidade de dotala de máis funcionalidades. Tal foi a súa incidencia, que o uso de Teixo aumentou un 2.500 por cento nun período de dous anos.

GESTORES DE RESIDUOS

Referiuse igualmente ao seu portal de noticias, vinculado exclusivamente á xestión de residuos porque, tal e como manifestou, “as noticias vinculadas aos refugallos son case sempre negativas e a maioría dos medios optan por escondelas baixo a alfombra”. A plataforma mediática “Gestores de Residuos” conta con 20.000 visitantes únicos, e o seu obxectivo é que o ámbito dos desperdicios deixe de ser a “Cenicienta” a nivel de información medioambiental.


LIMITACIÓNS

Non obstante, e malia todos estes logros, Miguel Varela quixo dar conta das “pedras” que atoparon no camiño para posicionarse como “emprendedores verdes”. Neste sentido, aludiu a:

•A necesidade de experiencia en aspectos xerenciais, estratéxicos ou comerciais.

•Dificultade de acceso ao financiamento: axudas escasas e pouco apropiadas.

•Procesos de autorización lentos e custosos que non favorecen o crecemento do sector.

•Escasa capacidade de inspección por parte das Administracións, o que fomenta prácticas de competencia desleal.

•Mercado da xestión de residuos pouco homoxéneo, tanto en tamaño como en tipos de actividade.

•A economía atópase por riba da concienciación ambiental.

•Mercado “menguante”. Plan de empresa pouco realista, facéndose difícil levar adiante un negocio de escala.

•Mercado complexo e ciclo de venda longo.

E malia as trabas atopadas no camiño, de ser catro traballadores na empresa en 2009, pasaron a 12 en 2014. E aprenderon distintas leccións: abandonar canto antes a “cova técnica”, resultando imprescindible viaxar e visitar, e involucrarse nas vendas.