Son múltiples os estudos que demostran que as TIC, Tecnoloxías da Información e a Comunicación, e por extensión as empresas que desenvolven e explotan esas tecnoloxías, contribúen á optimización da xestión empresarial, dotando de importantes vantaxes competitivas as empresas que fan uso dos produtos tecnolóxicos.
A ter en conta tamén, entre outros moitos factores, que o acceso cada vez máis estendido a produtos tecnolóxicos dispoñibles na nube, supón para o usuario evitar custos de implantación e beneficiarse dunha usabilidade e dispoñibilidade óptimas de sistemas de xestión varios: ERPs e CRMs entre outros.

Un exemplo cuantificado e palpable dos beneficios que obteñen as empresas usuarias de produtos TIC encontrámolo no software para xestores de residuos Teixo, tal como reflicte Miguel Varela no artigo: Os xestores de residuos que usan Teixo aforran dous millóns de euros en tres anos. Só tendo en conta o aforro que supuxo para as 140 plantas usuarias deste software dispoñible na nube tramitar electronicamente documentación coa administración, falamos da nada desdeñable cifra de dous millóns de euros. Pódese consultar o artigo completo neste enlace e acceder a máis información sobre o software citado aquí.

Este, aínda que substancioso, é só un exemplo dos múltiples que podemos comentar. Independentemente do sector nas que se empreguen, as TIC usadas axeitadamente por parte das empresas teñen relación directa co aumento da produtividade e da rendibilidade: aforro de tempo, mellora nas comunicacións, evitación de duplicidades, maior calidade do produto final, mellor atención ao cliente...son só algúns dos infinitos indicadores prácticos e concretos que cada día nos verifican que as TIC incentivan as vantaxes competitivas das empresas.