• O evento, que terá lugar na sede central da CEL o próximo 1 de outubro, entre as 16:30 e as 18:30 horas, diríxese de forma prioritaria a traballadores, empresarios, autónomos e emprendedores, así como a desempregados.
  •  Debido á función esencial que as TIC teñen na resolución de problemas, considérase que estas poden ter un impacto positivo sobre o medio ambiente, desempeñando unha función clave no ámbito da economía circular.
  • Para profundar nestas e outras cuestións, contarase coas aportacións de dous expertos na materia: Fernando Asperilla, xefe do Servizo de Planificación, Prevención e Información da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación da Xunta de Galicia, e Miguel Varela, Socio Xerente da firma galega Teimas Desenvolvemento, S.L, única empresa tecnolóxica de España especializada no sector dos residuos.

No marco do segundo convenio de colaboración formalizado o pasado mes de xullo entre o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, ambas entidades decidiron promover e organizar conxuntamente unha xornada formativa sobre o papel das TIC na xestión sostible dos residuos.

A cita terá lugar o próximo 1 de outubro na sede central da CEL (Praza de Santo Domingo, 6-8, 2ª planta), entre as 16:30 e as 18:30 horas, estando dirixida de forma prioritaria a traballadores, empresarios, autónomos e emprendedores, así como a desempregados.

A temática elixida obedece ao feito de que o papel das TIC é hoxe incuestionable na resolución de problemas, podendo estas ter un impacto positivo sobre o medio ambiente e, polo tanto, desempeñar unha función relevante no ámbito da economía circular, contribuíndo a un uso máis eficiente dos recursos e a enerxía.

É por isto que a progresiva implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no sector dos residuos traerá consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociais que as empresas do sector deben aproveitar para propiciar unha xestión máis sostible, garantindo así o seu crecemento, produtividade e compromiso coa contorna.

RELATORES

Para abundar en todos estes aspectos, contarase coas aportacións de dous especialistas na materia: Fernando Asperilla Pinilla, xefe do Servizo de Planificación, Prevención e Información da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia) e Miguel Varela Pérez, Socio Xerente da firma galega Teimas Desenvolvemento, S.L.

Mentres que o primeiro deterase a explicar os obxectivos e logros alcanzados polo Sistema de Información de Residuos de Galicia (SIRGA), que permitiu axilizar os trámites administrativos para dar cumprimento á normativa, mellorando con isTo a calidade da información e reducindo o uso de papel, tamén avanzará as particularidades da nova Plataforma Galega de Información Ambiental (GAIA) co obxectivo de crear un único punto de acceso para que as empresas poidan cumprir coas súas obrigas medioambientais fronte á Xunta de Galicia. Debido aos cambios lexislativos e á adaptación de novidosas figuras á Lei de Residuos, o SIRGA quedouse tecnolóxicamente obsoleto.

Pola súa banda, o portavoz de Teimas, única empresa tecnolóxica de España especializada no sector dos residuos, falará do proxecto Teixo, un software dispoñible en internet que xa está a ser utilizado por uns 150 centros de España para axilizar os trámites administrativos que require a xestión de refugallos.

A implantación das TIC no ámbito dos residuos é aínda moi baixa debido a que se trata dun sector tradicional, pequeno, moi heteroxéneo e pouco tecnolóxico que está afectado por gran cantidade de lexislación, carecendo de software específico e asequible. De feito, menos do 10 por cento das empresas teñen solucións software especializadas e só o 60 por cento das Administracións Públicas dispoñen de ferramentas de desenvolvemento tecnolóxico, circunstancia que, en todo caso, limita a trazabilidade dos residuos.

O evento será presentado e moderado conxuntamente polo secretario xeral da CEL e o presidente de Sogama.



Nota de prensa Sogama. Cerceda,  17 de setembro de 2015