Skip navigation

A UE aproba novas regras de información sobre sustentabilidade para multinacionais

 16 de Nov de 2022

O Parlamento Europeo aprobou o 10 de novembro de 2022 novas normas sobre información corporativa en materia de sustentabilidade que obrigarán ás grandes compañías a informar regularmente sobre o impacto da súa actividade no medio ambiente, os dereitos humanos e o ámbito social.

Deste xeito, preténdese acabar co lavado de imaxe verde dalgunhas empresas, reforzar a economía social de mercado na UE e sentar as bases para establecer estándares sobre sustentabilidade a nivel mundial.

Ademais, esta nova lexislación permitirá, a longo prazo, equiparar a información sobre sustentabilidade coa información financeira, permitindo ao público acceder a datos fiables e comparables.

Ámbito de aplicación

Estas novas regras aplicaranse a todas as grandes empresas da UE (tanto se cotizan en bolsa coma se non). As pemes que cotizan no mercado de valores disporán de máis tempo para adaptarse ás normas. Ademais, as empresas non comunitarias con volume de negocio superior a 150 millóns de euros na UE tamén deberán cumprir con esta lexislación.

Para asegurarse de que as empresas ofrecen información fiable, estarán suxeitas a auditorías independentes e procesos de certificación. Así mesmo, o acceso dixital á información sobre sustentabilidade tamén queda garantido.

Fronte ás preto de 11.700 compañías cubertas polas normas actuais, a nova Directiva aplicarase a case 50.000 empresas da UE.

Próximos pasos

O Consello ten previsto adoptar o texto o 28 de novembro de 2022. Despois publicarase no Diario Oficial. Entrará en vigor vinte días e as regras comezarán a aplicarse entre 2024 e 2028:

  • o 1 de xaneiro de 2024 para grandes empresas de interese público (máis de 500 empregados) xa suxeitas á directiva sobre información non financeira, que deberán entregar os seus informes en 2025;
  • o 1 de xaneiro de 2025 para as grandes compañías non suxeitas á directiva sobre información non financeira (máis de 250 empregados e/o unha facturación de 40 millóns de euros e/o 20 millóns en activos totais), que deberán entregar os seus informes en 2026;
  • o 1 de xaneiro de 2026 para as pemes cotizadas e outras empresas, que deberán entregar os seus informes en 2027. As pemes poderán atrasalo ata 2028.

Fonte: Parlamento Europeo.